Acerca de min

Dr. Enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos pola Universidade Politécnica de Cataluña (UPC). Cheguei a Universidade da Coruña (UDC) en outubro de 1994 como profesor no eido da construción e o formigón armado e pretensado na Escola de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos. Acadei a figura de Profesor Titular no 1995 e dende o 2003 son Catedrático de Universidade na área de Enxeñería da Construción. Na actualidade continúo a desenvolver principalmente a miña actividade docente na Escola de Camiños da UDC.

Investigo no ámbito do Formigón Armado e Pretensado, os Materiais de Construción, Ensaios Estruturais, o estudo da adherencia entre o formigón e o aceiro e a construción sostible con Residuos de Construción e Demolición e diversos materiais reciclados. Participei en 22 proxectos de investigación con subvención oficial (organismos ministeriais, autonómicos ou universitarios), 12 deles en calidade de Investigador Principal e 10 de eles coordinados con diversos grupos de investigación españois. Tamén desenvolvín numerosos proxectos de transferencia tecnolóxica con empresas e institucións do ámbito da construción. Son autor de máis de 50 artigos científicos, 9 capítulos de libro, 14 libros e máis de 60 comunicacións a congresos. Dirixín 13 teses doutorais e 15 proxectos técnicos de estudantes.

Dende a miña chegada a UDC estiven moi vencellado ao funcionamento e posta en marcha do laboratorio de Enxeñería da Construción da Escola de Camiños mediante a adquisición de equipos e a coordinación de actividades do laboratorio. Son tamén, o responsable técnico da adquisición de equipamento experimental no Laboratorio de Construción do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación en Enxeñería Civil (CITEEC) da UDC, por importe de máis de 6 millóns de euros. Ademais dos laboratorios, pertenzo á Comisión Xestora do Laboratorio de Construción do CITEEC, coordino o grupo de investigación de Construción (gCONS) da UDC, formado por 10 PDI, 7 estudantes pre-doutorais e 1 técnico de laboratorio; e son o responsable da actividade de I+D+i da Fundación da Enxeñería Civil de Galicia.

Na área da xestión académica, fun Secretario da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da UDC dende 1995 ata 1999, Vicerreitor de Relacións Institucionais e Posgrado e de Posgrado e Formación Permanente de 1999 a 2002, Director da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da UDC de 2002 a 2005 e Director do Departamento de Tecnoloxía da Construción dende o ano 2005 ata o 2013.

Son membro de diversas asociacións científicas, coordinador do grupo de traballo da Asociación Española da Enxeñería Estrutural (ACHE) sobre adherencia e anclaxe e colaborador noutros grupos de traballo encargados de elaborar documentos para a modificación da Instrución Española do Formigón Estrutural (EHE). Son membro de ACHE, asociación da que fun tesoureiro, e avaliador da ANEP, AENOR, ANPCyT (Arxentina), AGAUR (Generalitat de Cataluña), ACSUCyL (Castilla y León), AGAE (Xunta de Andalucía) e da Xunta de Galicia. Teño recoñecidos cinco tramos de docencia e dous de investigación.

Ao longo da miña traxectoria docente e investigadora recibín varios premios a contribucións científicas (Asociación Latinoamericana de Ferrocarrís), a actividades docentes (premio a publicacións da UPC) e a tarefas de xestión (Medalla de Ouro do Colexio de ECCP, demarcación de Galicia, e Medalla da Asociación Científico-Técnica del Hormigón Estructural – ACHE ) Recentemente a Asociación Latinoamericana de Control de Calidade, Patoloxía e Recuperación da Construción outorgoume o premio a Traxectoria Profesional Destacada.

(Barcelona, 22 de Xuño de 1963)
Catedrático de Enxeñería da Construción
Dr. Enxeñeiro de Camiños
fernando.martinez.abella@udc.es