Concepto

Todos os proxectos evolucionan de forma similar. Despois dun período latente prodúcese a súa eclosión, seguida dunha fase de crecemento, e despois dunha aparente estabilización comeza o declive, imperceptible primeiro e cada vez máis evidente a medida que pasa o tempo. A natureza, o universo, as correntes políticas e culturais e calquera organización humana, incluso os afáns persoais, seguen a grandes trazos este proceso evolutivo, con diferentes matices en cada caso segundo as condicións de contorno.

O barco de gran tonelaxe que representa a Universidade da Coruña segue en marcha, obviamente, como o fai un gran buque cando se debilitan e apagan os seus motores: por inercia. A nosa nave móvese, pero a menor velocidade, e a súa singradura constata a escasa potencia do motor que a impulsa e da luz faro que a guía. Perdemos o faro, e non so do noso escudo. As universidades públicas son un éxito da nosa sociedade, como o son a sanidade pública, a educación ou as pensións. A universidade ademais, pola súa propia natureza, aglutina aos estudantes e aos profesionais mellor preparados, e por elo debe ser o centro de atención desa sociedade que, ademais de financiala, quere ver na nosa institución o modelo a seguir. Os grandes retos das cidades que acollen os nosos campus, os de Galicia, de España, de Europa e, por extensión, os de toda a humanidade deben estar liderados en gran medida pola institución universitaria. Todos e cada un dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento sostible deben ter á universidade como luz e guía, porque podemos e debemos facelo.

A sociedade á que nos debemos require igualdade, participación, benestar, responsabilidade, innovación e crecemento sostible, e a universidade está obrigada a responder a tales retos con IMPULSO RENOVADO

  • Fai falla IMPULSO RENOVADO para recuperar o pulso perdido, para difundir e aumentar a nosa actividade con moita máis repercusión, hoxe medida polos variados índices e rankings que deciden orzamentos e ofrecen a imaxe que se da á sociedade.
  • Fai falla IMPULSO RENOVADO para encher de novo o claustro con estudantes, PAS e profesores implicados na vida e no goberno da súa universidade.
  • Fai falla IMPULSO RENOVADO para que o sector produtivo e o tecido social encontren o seu aliado esencial na universidade, cuxo hinterland estendeu a globalización aos cinco continentes.
  • Fai falla IMPULSO RENOVADO para superar os plantexamentos aos que conduce a dialéctica dos grupos. A universidade, e de aí o seu nome, debe conseguir a unión dos miles de pequenos esforzos que cada universitario, no sentido máis amplo, é capaz de exercer. Xa non é tempo de “teus” ou “seus” senón de “NOSOS”, xa non é hora de “eses” ou “aqueles” senón de “TODOS”.
  • Fai falla IMPULSO RENOVADO para revitalizar os centros, para captar novos estudantes e investigadores, para conseguir novos e mellores contratos e proxectos, para facer dos campus un lugar de encontro.